É exacta a Traducción del Nuevo Mundo?
A primeira parte da Traducción del Nuevo Mundo foi publicada no ano 1950. Dende entón algunhas persoas teñen comentado e cuestionado a exactitude da mesma, xa que nalgunhas pasaxes é diferente doutras traducións da Biblia. a Vexamos que características distinguen a Traducción del Nuevo Mundo.
Fiabilidade. Para producir a Traducción del Nuevo Mundo en inglés usáronse os manuscritos máis antigos e confiables dispoñibles ata o momento. Ademais, o texto sempre reflectíu os descubrimentos máis recentes dos biblistas. Pola contra, a King James Version de 1611 baseouse en manuscritos que a miúdo eran menos exactos e non tan antigos coma os usados para producir a Traducción del Nuevo Mundo.
Fidelidade. A Traducción del Nuevo Mundo trata de transmitir a mensaxe orixinal inspirada por Deus (2a Timoteo 3:16). Moitas outras traducións da Biblia sacrifican a fidelidade á mensaxe divina en favor de tradicións, como a de substituír o nome de Deus, Xehová, por títulos como Señor ou Deus.
Literalidade. A diferenza das traducións parafraseadas, a Traducción del Nuevo Mundo fai unha tradución literal das palabras sempre e cando o texto final resulte comprensible e conteña a idea dos escritos orixinais. As traducións que parafrasean os escritos orixinais corren o risco de introducir opinións persoais ou de omitir detalles importantes.
Diferenzas entre a Traducción del Nuevo Mundo e outras traducións
Libros non incluídos. Tanto a Igrexa Católica como a Igrexa Ortodoxa Oriental inclúen libros coñecidos como apócrifos. Non obstante, estes libros non se aceptaban no canon xudeu, o cal é interesante xa que a Biblia di que “se lle confiaron as palabras de Deus” ós xudeus (Romanos 3:1, 2). Por iso, a Traducción del Nuevo Mundo e outras traducións modernas da Biblia acertadamente exclúen os libros apócrifos.
Versículos non incluídos. Algunhas traducións engaden algúns versículos e frases que non aparecen nos manuscritos da Biblia máis antigos, pero non están incluídos na Traducción del Nuevo Mundo. Moitas traducións modernas da Biblia tamén os omiten ou recoñecen que esas adicións non están respaldadas polas fontes máis respetadas. b
Selección de termos. Ás veces, as traducións palabra por palabra son pouco claras ou confusas. Por exemplo, o que dixo Xesús en Mateo 5:3 a miúdo tradúcese como: “Benaventurados os pobres de espírito” (Biblia de Jerusalén; Nácar-Colunga; Reina Valera; Torres Amat). Algúns opinan que a tradución “pobres de espírito” é pouco clara, mentres que outros pensan que Xesús estaba resaltando o valor da humildade ou pobreza. Non obstante, a idea que Xesús quería destacar era que a verdadeira felicidade viña de recoñecer que necesitamos a guía de Deus. A Traducción del Nuevo Mundo transmite de maneira exacta esta idea coas palabras “os que son conscientes da súa necesidade espiritual” (Mateo 5:3). c
Comentarios positivos sobre a Traducción del Nuevo Mundo de expertos que non son testemuñas de Xehová
Nunha carta do 8 de decembro de 1950, o destacado experto e tradutor da Biblia Edgar J. Goodspeed escribiu con respecto á Traducción del Nuevo Mundo de las Escrituras Griegas Cristianas: “Estou interesado na obra misional da súa organización e o seu alcance mundial, e agrádame moito que a súa tradución sexa áxil, clara e vigorosa. É unha clara mostra de coñecementos profundos e sólidos, dou fe”.
O profesor Allen Wikgren da Universidade de Chicago citou a Traducción del Nuevo Mundo como exemplo de linguaxe moderno que non depende doutras traducións, e que “contén numerosas pasaxes dignas de eloxio” (The Interpreter’s Bible, vol. 1, páx. 99).
Respecto da Traducción del Nuevo Mundo de las Escrituras Griegas Cristianas, o comentarista bíblico británico Alexander Thomson escribiu: “A tradución é evidentemente o traballo de expertos e destros eruditos, que trataron de recoller todo o sentido do texto grego que pode expresar o inglés” (The Differentiator, abril de 1952, páx. 52).
Tras facer referencia a algunhas pasaxes que, na súa opinión, foran traducidas dun xeito pouco usual, o teólogo Charles Francis Potter comentou: “Sen dúbida, os tradutores anónimos verteron os mellores manuscritos dos textos hebreos e gregos con habilidade erudita e perspicacia” (The Faiths Men Live By, páx. 300).
A pesar de pensar que a Traducción del Nuevo Mundo ten tanto peculiaridades coma virtudes, Robert M. McCoy concluíu o seu comentario sobre esta tradución dicindo: “A tradución do Novo Testamento é unha mostra evidente de que nese movemento [o das testemuñas de Xehová] hai eruditos cualificados para resolver intelixentemente os moitos problemas da tradución bíblica” (Andover Newton Quarterly, xaneiro de 1963, páx. 31).
Pese a que o profesor S. MacLean Gilmour non estaba de acordo coa maneira na que se traduciran algunhas pasaxes da Traducción del Nuevo Mundo, si recoñeceu que os seus tradutores “tiñan extraordinarios coñecementos do grego” (Andover Newton Quarterly, setembro de 1966, páx. 26).
Respecto da Traducción del Nuevo Mundo incluída na Kingdom Interlinear Translation of the Greek Scriptures, o profesor Thomas N. Winter escribiu: “A tradución producida polo comité anónimo está totalmente ó día e é coherente e exacta” (The Classical Journal, abril-maio de 1974, páx. 376).
En 1989, o profesor e hebraísta Benjamin Kedar-Kopfstein dixo: “Na miña investigación lingüística respecto da Biblia Hebrea e as súas traducións, a miúdo refírome á edición en inglés coñecida como Traducción del Nuevo Mundo. Cada vez que o fago, vexo confirmado que é unha obra que reflicte un esforzo sincero por entender o texto coa maior exactitude posible”.
Tras analizar nove traducións bíblicas moi coñecidas en inglés, Jason David BeDuhn, profesor de Estudios Relixiosos, escribiu: “A Traducción del Nuevo Mundo resultou ser a máis exacta das traducións analizadas”. E aínda que o público en xeral e moitos expertos na Biblia atribúen estas diferenzas na Traducción del Nuevo Mundo ás conviccións relixiosas dos tradutores, BeDuhn declarou: “A maioría das diferenzas débense á súa maior exactitude, sendo unha tradución conservadora e literal das expresións orixinais dos escritores do Novo Testamento” (Truth in Translation, páxs. 163, 165).
a Estes comentarios refírense ás edicións en inglés da Traducción del Nuevo Mundo anteriores á revisión do 2013.
b Por exemplo, podes consultar a Nueva Versión Internacional e a tradución católica Biblia de Jerusalén. Os versículos engadidos son Mateo 17:21; 18:11; 23:14; Marcos 7:16; 9:44, 46; 11:26; 15:28; Lucas 17:36; 23:17; Xoán 5:4; Feitos 8:37; 15:34; 24:7; 28:29; Romanos 16:24. As versións Reina Valera e Torres Amat inclúen un texto que apoia a Trindade en 1a Xoán 5:7, 8, o cal foi engadido centos de anos despois de que se terminase de escribir a Biblia.