Ir ó contido

Que pensan as testemuñas de Xehová acerca de saír con alguén?

Que pensan as testemuñas de Xehová acerca de saír con alguén?

 As testemuñas de Xehová cremos que as normas e principios que se atopan na Biblia poden axudarnos a tomar decisións que comprazan a Deus e nos beneficien (Isaías 48:17, 18). Nós non inventamos estas normas e principios, pero queremos practicalos nas nosas vidas. Vexamos algúns relacionados co tema de saír en parella. a

  •   O matrimonio é unha unión de carácter permanente (Mateo 19:6). As testemuñas de Xehová pensamos que saír con alguén é un paso que se debe dar con vistas ó matrimonio; por iso o vemos como algo serio.

  •   Só deben saír en parella as persoas coa idade e madurez suficientes como para casar. Por iso é importante comezar a saír con outras persoas unha vez pasados os anos en que os impulsos sexuais son máis fortes (1a Corintios 7:36).

  •   Para saír con alguén, un debe estar libre para casar. Algunhas persoas divorciadas legalmente non están libres para volver casar dende o punto de vista de Deus, quen considera que o único motivo válido para o divorcio é o que a Biblia chama “fornicación”, ou porneia, que abrangue unha serie de prácticas sexuais fóra do matrimonio (Mateo 5:32; ver nota).

  •   A Biblia ensina que os cristiáns que queren casar deben facelo con alguén que comparta as súas crenzas (1a Corintios 7:39). As testemuñas de Xehová entendemos que este mandato vai máis aló de buscar unha parella que respecte as nosas crenzas, senón que tamén as practique e estea bautizada como testemuña de Xehová (2a Corintios 6:14). Isto é algo que Deus sempre pediu dos seus servos (Xénese 24:3; Malaquías 2:11). De feito, algúns expertos no tema recoñecen a utilidade de tal mandato. b

  •   Os fillos deben obedecer os seus pais (Proverbios 1:8; Colosenses 3:20). Isto significa que, mentres vivan na casa familiar, deben obedecer as decisións dos seus pais con respecto ó tema das citas como, por exemplo, a que idade poderán comezar a saír con alguén e baixo que condicións.

  •   Sempre que cumpramos coas pautas que aparecen na Biblia, as testemuñas de Xehová somos libres para decidir se queremos saír con alguén e con quen. Tal e como afirma a Biblia: “Cadaquén ten que leva-lo seu fardel” (Gálatas 6:5). Con todo, é moi recomendable pedirlle opinión a algunha testemuña de Xehová madura que saibamos que se preocupa pola nosa felicidade (Proverbios 1:5).

  •   Na Biblia cualifícanse como pecado grave moitas das prácticas sexuais habituais entre persoas que saen xuntas. Por exemplo, prohibe unha serie de condutas que Deus non aproba, non só o acto sexual en si, senón outras prácticas sexuais fóra do matrimonio, tales como o sexo oral, anal ou a manipulación dos xenitais (1a Corintios 6:9-11). Mesmo calquera conduta fóra do matrimonio que poida levar a algunha destas prácticas é considerada impura por Deus (Gálatas 5:19-21). A Biblia tamén desaproba as conversas de contido sexual obsceno (Colosenses 3:8).

  •   A Biblia explica que o noso corazón nos pode traizoar e levarnos a facer cousas que sabemos que están mal (Mateo 15:19). Para evitar que isto pase, as parellas que estean saíndo xuntas farán ben en evitar quedar sós en situacións que os poidan levar a sentirse tentados. É importante que tomen certas precaucións, tales como ir acompañados doutra persoa ou saír en grupo (Proverbios 28:26). Os cristiáns solteiros que desexen casar deberían ter en conta os perigos asociados ás páxinas web para buscar parella, especialmente no que se refire a comezar unha relación con alguén do que saben moi pouco (Salmo 26:4).

a Saír en parella é habitual nalgunhas culturas, mais non en todas. A Biblia non di que debamos saír en parella ou que este sexa o único xeito de contraer matrimonio.

b Por exemplo, un artigo comentaba o seguinte: “Tres diferentes estudos demostran que ter unha orientación, unha fe e unhas crenzas relixiosas semellantes son un factor chave na duración dos matrimonios que levan moitos anos casados (25-50 anos ou máis)” (Marriage & Family Review, 2005, vol. 38, núm. 1, páx. 88).