Ir ó contido

Levaban un triángulo púrpura

Levaban un triángulo púrpura

 Maud vive en Francia e traballa nunha escola na que axuda durante as clases a nenos con algún tipo de discapacidade. Recentemente os alumnos estaban a estudar sobre o Holocausto e os campos de concentración nazis. Nestes campos, os prisioneiros tiñan que levar un parche de tea cosido ó seu uniforme. A cor e a forma do parche indicaban por que estaba encarcerada a persoa que o portaba.

 Referíndose ós triángulos de cor púrpura que levaban algúns presos, o mestre díxolle á clase: “Coido que o levaban porque eran homosexuais”. Ó remate da clase, Maud falou co mestre e explicoulle que os nazis empregaban un parche triangular de cor púrpura para identificaren as testemuñas de Xehová. a Tamén lle dixo que podía darlle algunha información máis sobre o tema. O mestre aceptou e pediulle a Maud que a compartise cos estudantes.

 No transcurso doutra clase sobre o mesmo tema, outra mestra empregou un cadro sinóptico que amosaba os diferentes parches identificadores que levaban os presos. Este cadro amosaba con exactitude que o triángulo púrpura distinguía as testemuñas de Xehová. Despois da clase, Maud ofreceulle algunha outra información sobre este tema. A mestra aceptou e propúxolle a Maud que llela expuxese ela mesma ós alumnos.

Maud sostendo as publicacións que empregou

 Así que Maud preparou unha exposición de 15 minutos para a primeira clase. Mais, cando chegou o momento de expor a información, dixéronlle: “Tes toda a hora para ti”. Maud comezou amosando un vídeo documental sobre a persecución que os nazis lanzaron contra as testemuñas de Xehová. Cando o documental estaba explicando que os nazis separaran 800 nenos de seus pais que eran testemuñas de Xehová, Maud parou o vídeo e leu as experiencias de tres daqueles nenos. Despois de rematar o vídeo, Maud concluíu lendo a carta de despedida de Gerhard Steinacher. Este mozo austríaco de 19 anos era testemuña de Xehová, e escribíralles esta carta ós seus pais unhas horas antes de ser executado polos nazis en 1940. b

 Maud presentou unha información similar na segunda clase. Grazas á afouteza de Maud, agora ámbolos dous mestres asegúranse de mencionar as testemuñas de Xehová cando ensinan sobre as vítimas dos campos de concentración nazis.

a Durante a Segunda Guerra Mundial, as testemuñas de Xehová en Alemaña, tamén coñecidos como Bibelforscher (Estudantes da Biblia), foron encarceradas por se negaren a apoiar o réxime nazi.

b Gerhard Steinacher foi condenado a morte por rexeitar unirse ó exército alemán. Na súa carta de despedida, escribiu: “Inda son un neno. Só poderei aguantar se o Señor me dá forzas, e iso é o que lle pido”. Gerhard foi executado a mañá seguinte. No seu epitafio pódese ler: “Morreu para a gloria de Deus”.