Ir ó contido

Por que o sacrificio de Xesús é un “rescate por todos”?

Por que o sacrificio de Xesús é un “rescate por todos”?

O que di a Biblia

 O sacrificio de Xesús é o medio que usa Deus para liberar ou salvar a humanidade do pecado e da morte. A Biblia explica que o sangue de Xesús foi o prezo que se pagou como rescate ou redención (Efesios 1:7; 1 Pedro 1:18, 19). Por iso, Xesús dixo que veu “pra redimento de moitos” (Mateo 20:28, AGL).

Por que se necesitaba un rescate?

 Deus creou o primeiro home, Adam, perfecto, é dicir, sen pecado. El tiña a oportunidade de vivir para sempre, pero perdeuna porque escolleu desobedecer a Deus (Xénese 3:17-19). Cando tivo fillos, estes herdaron del o pecado (Romanos 5:12). Por iso a Biblia di que Adam se vendeu a si mesmo e os seus fillos como escravos do pecado e da morte (Romanos 7:14). Como todos somos imperfectos, ningún de nós pode recomprar o que Adam perdeu (Salmo 49:8, 9 [49:7, 8, TNM]).

 Ó ver que os descendentes de Adam estaban sen esperanza, Deus sentiu compaixón por eles (Xoán 3:16). Pero as normas de xustiza de Deus non permitían que simplemente pasase por alto ou escusase os seus pecados sen unha base válida (Salmo 89:15 [89:14, TNM]; Romanos 3:23-26). Como Deus ama a humanidade, non só proveu o medio legal necesario para perdoar os nosos pecados senón tamén para eliminalos (Romanos 5:6-8). O rescate é ese medio legal.

En que consiste o rescate?

 Na Biblia, o termo “rescate” implica estes tres conceptos:

  1.   É un pago (Números 3:46, 47).

  2.   Con el conséguese unha liberación ou redención (Éxodo 21:30).

  3.   O seu valor equivale ou cobre o valor de aquilo polo que se paga. a

 Vexamos a relación que teñen estes tres conceptos co sacrificio de Xesucristo.

  1.   O pago. A Biblia di que os cristiáns foron comprados por un prezo (1 Corintios 6:20; 7:23). Ese prezo é o sangue de Xesús, co que adquiriu para Deus “xentes de toda raza, lingua, pobo e nación” (Apocalipse 5:8, 9).

  2.   A liberación. O sacrificio de Xesús libéranos do pecado (1 Corintios 1:30; Colosenses 1:14; Hebreos 9:15).

  3.   A equivalencia. O sacrificio de Xesús equivale exactamente ó que Adam perdeu: unha vida humana perfecta (1 Corintios 15:21, 22, 45, 46). A Biblia explica: “Como a desobediencia dun único home [Adam] volveu pecadores a tódolos homes, así tamén a obediencia dun só [Xesucristo] volveu xustos a todos” (Romanos 5:19). Isto explica por que a morte dun só home serve para rescatar moitos pecadores. De feito, o sacrificio de Xesús é un “rescate por todos” os que dan os pasos necesarios para beneficiarse del (1 Timoteo 2:5, 6).

a Na Biblia, os termos orixinais que se traducen como “rescate” transmiten a idea de pagar un prezo ou entregar algo de valor a cambio doutra cousa. Por exemplo, o verbo hebreo cafar basicamente significa “cubrir” e normalmente fai referencia a cubrir ou perdoar un pecado (Salmo 65:4 [65:3, TNM]). Este verbo está relacionado co substantivo cófer, que se refire ó prezo que se paga para conseguir unha redención (Éxodo 21:30). Do mesmo xeito, a palabra grega lítron, que normalmente se traduce como “rescate”, tamén pode facer referencia ó prezo de redención (Mateo 20:28). Os escritores gregos usaban este termo para falar do pago que se facía para rescatar un prisioneiro de guerra ou liberar un escravo.