Ir ó contido

Que é a alma?

Que é a alma?

O que di a Biblia

 A palabra alma que aparece na Biblia é unha tradución do termo hebreo néfesh e do termo grego psiqué. O termo hebreo significa literalmente “unha criatura que respira” e o termo grego significa “ser vivo”. a Polo tanto, a palabra alma refírese a toda a criatura e non a algo que exista dentro do seu corpo e que sobreviva á súa morte. Neste artigo poderás analizar como a Biblia demostra que a alma é a persoa completa.

A Adam non se lle deu unha alma, máis ben, chegou a ser unha alma

  •   Cando Xehová Deus creou o primeiro home, Adam, a Biblia di que “chegou a ser alma vivente” (Xénese 2:7, King James Version). A Adam non se lle deu unha alma, máis ben, chegou a ser unha alma, ou persoa.

  •   A Biblia di que unha alma pode tocar un cadáver (Levítico 5:2, Jünemann), alimentarse (Levítico 7:20, Katznelson), traballar (Levítico 23:30, Huerin), ter apetito (Deuteronomio 12:20, Nácar-Colunga, 1974) e obedecer leis (Romanos 13:1, O Novo Testamento, Avelino Gómez Ledo). Só un ser completo pode realizar todas estas actividades.

É inmortal a alma?

 Non, a alma pode morrer, e moitos versículos da Biblia así o demostran. Imos ver algúns exemplos:

  •   “Tede seguro que quen fai que un pecador volva dos seus camiños trabucados, salvará a súa alma da morte” (Santiago 5:20, A Biblia, Sociedade de Estudos, Publicacións e Traballos [SEPT]).

  •   Referíndose ó castigo que lles esperaba ós israelitas que cometían algún dos pecados máis graves, a Lei dicía: “Aquela alma será cortada” ou “tallada” (Éxodo 12:15, 19; 31:14, Reina-Valera, 1909; Levítico 7:20, 21, 27, Biblia de Ferrara). En Levítico 19:8, La Biblia de las familias católicas describe o mesmo castigo con estas palabras: “Aquela alma perecerá”.

  •   Algúns versículos da Biblia utilizan a expresión literal “alma morta” ó falar do cadáver dunha persoa (Levítico 21:11, nota, TNM; Números 6:6, nota, TNM). Aínda que en moitas traducións da Biblia se traduce esa expresión como “morto” ou “cadáver” (SEPT), o texto orixinal en hebreo contén a palabra néfesh, é dicir “alma”.

A palabra alma tamén pode significar “vida”

 Na Biblia, tamén se usa a palabra alma (néfesh) como sinónimo de “vida” (Xob 33:22), e di que esta pode estar en perigo (Éxodo 4:19; Xuíces 9:17; Filipenses 2:30).

 Este uso da palabra alma axúdanos a entender outros versículos nos que se di que a alma “sae”, como por exemplo en Xénese 35:18 (SEPT). Esta figura retórica comunica a idea de que a vida da persoa está chegando á súa fin. Por iso, algunhas traducións da Biblia din neste versículo que a muller estaba dando “o seu último suspiro” (La Biblia Latinoamericana, 2011).

De onde vén a crenza de que a alma é inmortal?

 Esta crenza, que é común en moitas relixións cristiás, non vén da Biblia senón que ten a súa orixe nas antigas filosofías gregas. A Encyclopædia Britannica di: “As referencias bíblicas á alma están relacionadas co concepto da respiración, e non fan distinción entre a alma etérea e o corpo físico. Os conceptos cristiáns da separación entre corpo e alma teñen a súa orixe na antiga Grecia”.

 Deus non aproba que se mesturen as súas ensinanzas con filosofías humanas, como a crenza nunha alma inmortal. De feito, a Biblia advírtenos: “¡Ollo!, que ninguén vos enguedelle con filosofías e especulacións sen contido, fundadas nas tradicións dos homes, nos elementos deste mundo e non en Cristo” (Colosenses 2:8).

a Ver The New Brown, Driver, and Briggs Hebrew and English Lexicon of the Old Testament, páxina 659 e Lexicon in Veteris Testamenti Libros, páxina 627. Moitas traducións da Biblia traducen os termos néfesh e psiqué en función do contexto usando palabras como “alma”, “vida”, “persoa”, “criatura” ou “corpo”.