Ir ó contido

DESEÑOUNO ALGUÉN?

A lingua do gato

A lingua do gato

 Os gatos domésticos son coñecidos por coidar a súa hixiene de forma regular. Poden chegar a dedicar a esta tarefa unha cuarta parte do tempo que están espertos. Os hábitos de hixiene dos gatos son moi eficaces grazas ó impresionante deseño da súa lingua.

 Penso nisto: A lingua do gato está cuberta por 290 papilas, pequenas espiñas inclinadas cara atrás que son tan duras coma as uñas dun humano. Cada papila ten unha cavidade que, de forma instantánea, recolle saliva cada vez que o gato mete a lingua na boca. Cando se lambe, as papilas atravesan a pelaxe e soltan a saliva na pel.

Vista microscópica das papilas

 Tódolos días, a lingua dun gato pode depositar cerca de 48 mililitros de saliva no seu pelo e na súa pel. Esta saliva contén encimas que descompoñen substancias contaminantes. Ademais, a saliva vaise evaporando, o que axuda a que o gato se refresque e a que a súa temperatura corporal se regule. Isto é algo esencial xa que estes animais teñen poucas glándulas sudoríparas.

 Se unha das súas papilas encontra pelo enmarañado, afonda máis na pelaxe. Desta forma aumenta moito a forza coa que tira do pelo, o que lle permite desenredalo. As puntas das papilas tamén poden estimular a pel do gato cando se está limpando. Os investigadores fixeron un experimento e crearon un cepillo de pelo baseándose nas características da lingua do gato. Este peitea o pelo con máis suavidade ca un cepillo normal, é máis fácil de limpar e, ademais, desenreda mellor o pelo enmarañado. Os científicos pensan que o deseño da lingua do gato pode servirlles de inspiración para mellorar os métodos de limpeza das superficies con pelo e nas que se forman nós. Tamén pode axudarlles a mellorar a forma de aplicar cremas ou medicamentos en peles cubertas de pelo.

 Que dirías? É a lingua do gato resultado da evolución? Ou deseñouna alguén?