Ir ó contido

Ir ó índice

COMO SE USAN AS TÚAS DOAZÓNS

Unha biblioteca na palma da túa man

Unha biblioteca na palma da túa man

1 DE SETEMBRO DE 2021

 “Non hai tanto, resultaríanos difícil imaxinar que recibiriamos o alimento espiritual por medios dixitais”. Pensas ti o mesmo? Estas palabras son parte do animador discurso que deu o irmán Geoffrey Jackson no Informe 6 do Consello Reitor do ano 2020. O irmán Jackson seguía dicindo: “E agora seguramente nos preguntamos como poderiamos afrontar esta pandemia sen ferramentas como JW Library. Xehová foinos preparando ó longo dos anos para que estivésemos listos para momentos coma este”.

 Como nos estivo preparando Xehová? Como se creou a aplicación JW Library e que se necesita para mantela e mellorala?

A nosa primeira app

 En maio de 2013, o Consello Reitor pediulle ó Departamento de Programación de MEPS, un departamento da sede central, que fixese unha aplicación ou app que tivese a Traducción del Nuevo Mundo revisada. Paul Willies, que traballa no Departamento de Programación de MEPS, di: “Ata entón non tiñamos ningunha app en ningunha das tendas de aplicacións. Pero formamos un equipo, deixamos algúns proxectos a un lado e traballamos con outros departamentos para deseñar e facer a aplicación e o seu contido. Grazas á oración e a axuda de Xehová puidemos rematar a aplicación en tan só cinco meses e presentala na reunión anual!”.

 O seguinte reto foi converter a aplicación nunha biblioteca de verdade con cada vez máis publicacións e en máis idiomas. En xaneiro de 2015, a maioría das nosas publicacións en inglés xa estaban dispoñibles na aplicación. E tan só seis meses despois xa se podían descargar en centos de idiomas.

 Dende entón a aplicación mellorou moito. Grazas ó traballo dos nosos irmáns, engadíronse vídeos e fíxose unha nova pestana na que podemos atopar tódalas publicacións e contidos que precisamos para as reunións. Ademais, agora podemos acceder ás referencias da Guía de estudio directamente dende a Biblia.

O mantemento da app

 Cada día 8 millóns de dispositivos abren JW Library e máis de 15 millóns de dispositivos ábrena cada mes! Que se precisa para que a aplicación funcione sen problemas en todos estes dispositivos? O irmán Willies di: “Unha aplicación de móbil nunca se consegue rematar por completo. Temos que seguir traballando para facer que a aplicación sexa cada vez máis útil e fácil de usar. Xa que os sistemas operativos se actualizan a miúdo, temos que seguir axustando a aplicación para que siga funcionando coa última versión destes sistemas. Como cada vez hai máis publicacións e gravacións en JW Library temos que darlle mantemento e actualizar o noso software interno”. Na actualidade, tendo en conta tódolos idiomas, hai unhas 200.000 publicacións e máis de 600.000 gravacións de audio e vídeo dispoñibles en JW Library.

 Para que a aplicación siga estando dispoñible, non chega só co equipamento informático. Tamén hai que pagar para usar algúns programas informáticos. Por exemplo, para usar un destes programas hai que pagar uns 1.200 euros cada ano. Ademais, Programación de MEPS gasta uns 8.500 euros tódolos anos en dispositivos de varias marcas para asegurarse de que a aplicación funcione ben nos novos ordenadores, tabletas e teléfonos.

Descargas que nos axudan a aforrar

 Grazas á aplicación JW Library aforramos moitos cartos en imprimir, encadernar e enviar as publicacións. Por exemplo, en 2013 imprimíronse uns 12 millóns de copias do folleto Examinando las Escrituras diariamente, pero no ano 2020 tan só se imprimiron 5 millóns de folletos aínda que había 700.000 novos publicadores por todo o mundo. A que se debe isto? A que moitos dos nosos irmáns agora len o texto diario en JW Library. a

“Isto non ten prezo”

 JW Library axúdanos de moitas formas. Geneviève, que vive no Canadá, di que grazas á aplicación agora estuda de maneira máis regular. Ela comenta: “Penso que se cada mañá tivese que coller tódolos libros que preciso para estudar, non o conseguiría facer tódolos días. Pero grazas á aplicación, con tan só coller a miña tableta xa o teño todo alí. Este estudo regular fortaleceu a miña fe e axudoume a estar máis cerca de Xehová”.

Geneviève

 A app foi especialmente útil durante a pandemia da COVID-19. Charlyn, dos Estados Unidos, explica: “Mentres a pandemia da COVID-19 estaba afectando a todo o mundo, eu non puiden recibir ningunha das nosas novas publicacións impresas durante un ano. Pero JW Library deunos o que necesitabamos para seguir tendo unha fe forte. Agradézolle moito a Xehová este marabilloso regalo”.

 Faye, que vive en Filipinas, expresa o que moitos de nós sentimos. Ela di: “Esta incrible aplicación ten todo o que preciso para estar cerca de Xehová. Pola mañá é o primeiro que leo. Despois, utilízoa para escoitar algo mentres fago as tarefas da casa. Tamén a emprego para estudar as reunións e para preparar o meu estudo da Biblia. Cando teño tempo libre gústame ver vídeos. E aproveito para ler artigos ou a Biblia cando estou facendo cola nalgún sitio. Isto non ten prezo”.

 A aplicación tamén é moi útil para predicar. Por exemplo, unha irmá do Camerún, mentres estaba predicando, quixo usar un texto da Biblia que lle vira usar a outra irmá unhas semanas antes. Aínda que non se lembraba de cal era, ela explica: “Menos mal que recordaba unha frase do versículo. Abrín a aplicación, fun á Biblia e busquei esa frase. Axiña apareceu a cita! Grazas a JW Library son quen de atopar moitos versículos que ás veces esquezo”.

 Grazas ás túas xenerosas doazóns que fas a través dos diferentes métodos que atopamos en donate.isa4310.com puidemos facer, manter e mellorar a aplicación JW Library. Así os nosos irmáns por todo o mundo poden desfrutar dela. Agradecemos moito as túas doazóns.

O progreso de JW Library

  1. Outubro de 2013: Lánzase a aplicación coa Traducción del Nuevo Mundo revisada en inglés.

  2. Xaneiro de 2015: Fanse dispoñibles outras publicacións en inglés e, máis tarde, en centos de idiomas.

  3. Novembro de 2015: Engádese a función de subliñar.

  4. Maio de 2016: Engádese a pestana “Reunións”.

  5. Maio de 2017: Engádese unha función para tomar notas.

  6. Decembro de 2017: Engádese a Biblia de estudio en inglés.

  7. Marzo de 2019: Engádese a posibilidade de descargar gravacións de audio, ver vídeos en liña e acceder ás referencias da Guía de estudio.

  8. Xaneiro de 2021: Engádense novas funcións para o curso da Biblia Desfruta da vida para sempre!

a Cada descarga que facemos en JW Library ten un pequeno custo. Por exemplo, o ano pasado, gastáronse case 1.300.000 euros para facer posible a reprodución de vídeos en liña e as descargas dende jw.org e JW Library. Aínda así, é moito máis barato descargar gravacións e publicacións dixitais que producir e enviar literatura, CD e DVD.