Ir ó contido

Ir ó índice

COMO SE USAN AS TÚAS DOAZÓNS

Axuda humanitaria no medio de “guerras ou de rumores de guerra”

Axuda humanitaria no medio de “guerras ou de rumores de guerra”

27 DE MAIO DE 2022

 Nestes últimos días xa sabiamos que se falaría de “guerras ou de rumores de guerra” (Mateo 24:6). Cando os nosos irmáns teñen que facerlle fronte a estes sucesos sempre reciben a axuda que necesitan. Conmoveunos moito escoitar no Informe 3 do ano 2022 do Consello Reitor as labores de socorro que se están facendo en Europa do Leste para axudar os irmáns afectados pola guerra de Ucraína. Que se está facendo para lograr isto en plena guerra? Que efecto tivo esta axuda humanitaria nos nosos irmáns de Ucraína?

Que lles fai falta? Como lles chega?

 O 24 de febreiro de 2022, o mesmo día que comezou a guerra, o Comité de Coordinadores aprobou un presuposto para axudar os irmáns. Sen perder tempo, a sucursal de Ucraína comezou a mercar as cousas necesarias e a distribuílas a través dos 27 Comités de Socorro que se formaran.

 Ademais dende a sede central das Testemuñas de Xehová empezouse a pensar de inmediato en como podían axudarlles ós irmáns da sucursal de Ucraína. O Comité de Coordinadores e o Comité de Publicación do Consello Reitor pediulle ó Departamento Mundial de Compras que, xunto con irmáns da sucursal de Ucraína e de Polonia, deseñasen un plan de acción. Tódolos días, varios irmáns dos Departamentos de Compras, Envíos e do Departamento Legal destas sucursais, xunto cun membro do Comité de Sucursal de Ucraína e irmáns do Departamento Mundial de Compras, reuníanse para organizar o traballo.

As caixas de axuda conteñen alimentos, artigos de hixiene e tarxetiñas de ánimo feitas a man.

 Jay Swinney, do Departamento Mundial de Compras, explica: “Primeiro tivemos que identificar o que facía falta. Queriamos darlles ós irmáns comida e artigos de hixiene que tiveran o costume de usar. Con todo, saber que era o que necesitaban era só unha parte do problema. Tamén tiñamos que identificar o xeito máis seguro e rápido de enviar estas cousas a Ucraína”.

 O 9 de marzo de 2022 xa se sabía que cousas facían falta. Preparáronse caixas con produtos básicos como latas de carne e atún, cereais, arroz, xudías, xabón e papel hixiénico. Para ese momento, calculouse que as cousas necesarias para catro semanas custarían uns 60 euros por persoa. Como era moi probable que miles de irmáns necesitasen estas cousas, o Comité de Coordinadores aprobou que se utilizase unha gran cantidade de cartos para enviar esta axuda. Pero, como se ía facer sen correr riscos innecesarios?

 O 13 de marzo, dous irmáns da sucursal de Polonia fixeron un envío de proba dende a sucursal ata un almacén preto de Lviv (Ucraína). Uns días antes, irmáns das sucursais de Polonia e Ucraína axudáranlles a preparar a viaxe. Fixeran os trámites legais para que puidesen cruzar a fronteira e levar a axuda humanitaria. Tamén se aseguraran de que os vehículos estivesen claramente identificados como transporte de axuda humanitaria e, coa colaboración de irmáns locais, escolleran a ruta máis rápida para chegar unha vez que entrasen en Ucraína. Grazas á axuda de Xehová e á boa preparación, en menos de 24 horas os irmáns entregáronlles todo o material ós Comités de Socorro e volveron sans e salvos a Polonia.

 A primeira proba foi moi ben pero os irmáns só puideron repartir algo menos dunha tonelada de axuda. Con todo, aínda facían falta unhas 200 toneladas máis. Como se ía transportar e distribuír esa cantidade o máis rápido posible?

“O teu pobo ofrecerase voluntariamente”

 Despois de ler en jw.org as noticias de como a guerra lles está afectando ós nosos irmáns en Ucraína, moitas persoas por todo o mundo quixeron axudar. Os que viven lonxe fixeron doazóns para a obra mundial das Testemuñas de Xehová, sabendo que os cartos se usarían da mellor maneira posible. Os que viven preto da fronteira con Ucraína deron do seu tempo, enerxías e recursos para axudar. Vexamos algúns exemplos.

 En Polonia, os voluntarios prepararon decenas de miles de caixas de axuda, mentres os nenos facían tarxetiñas debuxadas a man. Bartosz Kościelniak, un membro do Departamento de Compras da sucursal de Polonia, dixo: “Lin moitas veces no Salmo 110:3 (TNM) que o pobo de Deus se ofrecería voluntariamente. Pero só me dei conta do certas que son estas palabras cando vin cos meus propios ollos centos de voluntarios listos para traballar tan pronto como fixeron falta”.

 Un irmán que ten unha empresa multinacional de loxística prestou os seus camións e pagou o combustible para facer o transporte. El comenta: “Para min é unha oportunidade de demostrar o meu amor por Xehová e polos meus irmáns. Estou moi contento por terme ofrecido para axudar”. Calcúlase que para repartir todo este material doáronse máis de 7.700 litros de combustible e os irmáns contribuíron co seu tempo e enerxías para conducir case 48.000 quilómetros!

 Grazas ó amor e ó bo traballo dos nosos irmáns, o 28 de marzo, tan só 15 días despois da primeira viaxe, entregáronse en Ucraína 100 toneladas de comida, artigos de hixiene e material médico. Por outra banda, grazas ás xenerosas doazóns dos irmáns e dos provedores puidéronse aforrar moitos cartos dos fondos destinados para esta axuda. Ata agora, as Testemuñas de Xehová enviamos a Ucraína máis de 190 toneladas de axuda humanitaria. Como se senten os irmáns que a recibiron?

“Viñan cheas de amor!”

 Cando chegaron as caixas a Lviv, os Comités de Socorro repartíronas por toda Ucraína a aqueles que as necesitaban. Chegaron a enviarse caixas de axuda a cidades que estaban a máis de 1.300 quilómetros de Lviv. E, aínda que se fixo da maneira máis eficaz posible, esta tarefa levou o seu tempo. a

 Markus Reinhardt, un membro do Comité de Sucursal de Ucraína, explica: “Durante eses momentos difíciles, moitos irmáns viron de primeira man o amor de Xehová e os beneficios de seguir as instrucións da súa organización, incluso antes de que ocorra unha emerxencia. Por exemplo, a todos se nos animou a ter na casa alimento e comida para varias semanas. Falando disto, un ancián chamado Antón que serve en Kiev, ou Kíiv, di: ‘Estamos moi agradecidos de que a organización de Xehová nos preparase para os momentos difíciles. Ter comida, auga e unha radio salvounos literalmente a vida’. Agradecemos moito que os irmáns seguisen as instrucións porque iso deulle á sucursal o tempo necesario para organizar as tarefas de socorro”.

 Como se sentiron os nosos irmáns cando chegou a axuda? Míkola e Zinaida que viven en Khárkiv, explican: “Que se preocupen tanto por nós, chéganos ó corazón. Moitas grazas pola comida e os medicamentos. Nótase que Xehová está detrás de todo isto”. Valentina, que vive na mesma zona, di: “Dende que comezou a guerra, había moitas colas para mercar alimentos e non sempre se podía conseguir o necesario. Pero Xehová sabía deste problema. Por iso, fixo que os irmáns nos trouxesen xusto o que necesitabamos! Nestas circunstancias, cando parece que xa non hai esperanza, un sente o coidado de Xehová e da súa organización dun xeito moi especial. [...] É un alivio ver como che dan xusto o que necesitas no momento preciso”.

 Ievguen, Irina e Mikita, que tiveron que marchar de Mariupol, explican: “Estamos moi agradecidos polo cariño e apoio que nos deron. Chegaron xusto a tempo! Ó principio pensamos que as caixas só tiñan produtos. Pero cando as abrimos, démonos conta de que estaban cheas de amor”.

Ievguen, Irina e Mikita

 Non hai dúbida, Xehová deu o seu espírito e a súa guía para que se puidese distribuír toda esta axuda humanitaria en medio de “guerras ou de rumores de guerra”. Así mesmo as túas xenerosas doazóns para a obra mundial, moitas delas feitas a través de donate.isa4310.com, tamén xogaron un papel moi importante. Moitas grazas pola túa xenerosidade!

Axudando da maneira máis rápida e segura posible

  1. 24 de febreiro de 2022: O Comité de Coordinadores aproba un presuposto para que a sucursal de Ucraína poida axudar os irmáns.

  2. 24 de febreiro–8 de marzo de 2022: A sucursal de Ucraína merca produtos e comeza a distribuílos a través dos Comités de Socorro. Tamén se preparan para recibir e distribuír material chegado de Polonia.

  3. 9 de marzo de 2022: O Comité de Coordinadores aproba o envío de axuda humanitaria a Ucraína.

  4. 10-12 de marzo de 2022: Fanse plans para facer un envío de proba con comida e outras cousas dende Polonia ata Lviv, en Ucraína.

  5. 13 de marzo de 2022: Faise o envío de proba dende Polonia ata Lviv.

  6. 14-16 de marzo de 2022: En Polonia, voluntarios do Departamento Local de Deseño e Construción organízanse nun Salón de Congresos cerca da cidade de Poznan para preparar as caixas con alimentos e artigos de hixiene.

  7. 17 de marzo de 2022: Catro días despois do envío de proba, que foi todo un éxito, comézanse a levar 13 toneladas de axuda humanitaria á fronteira de Ucraína.

  8. 21-27 de marzo de 2022: Prepáranse máis caixas en Polonia e envíanse a Ucraína. En menos de 24 horas, xa se repartiran polas zonas que máis o necesitaban.

  9. 22 de marzo 2022: Nos 20 días seguintes á aprobación da axuda, repartíronse en Ucraína 100 toneladas de alimentos, artigos de hixiene e material médico.

 Ata agora, as Testemuñas de Xehová envíamos máis de 190 toneladas de axuda humanitaria a Ucraína.

a Para saber máis sobre como se distribuíu a axuda humanitaria, le o artigo “Ucrania: valientes Testigos llevan ayuda humanitaria y rescatan a sus hermanos en medio de la guerra”.