Ir ó contido

A BIBLIA CAMBIOULLES A VIDA

Aprendín que Xehová é bo e está disposto a perdoar

Aprendín que Xehová é bo e está disposto a perdoar
  • ANO DE NACEMENTO: 1954

  • PAÍS DE ORIXE: O CANADÁ

  • OUTROS DATOS: ERA ESTAFADOR E XOGABA POR CARTOS

O MEU PASADO

Crieime nun barrio pobre da cidade de Montreal. Era o menor de oito irmáns. Cando tiña 6 meses, meu pai morreu e miña nai tivo que coidar da familia ela soa.

Dende moi pequeno, as drogas, as apostas e a violencia foron parte da miña vida. Vivía rodeado de delincuentes. Con só 10 anos, xa facía encargos para prostitutas e prestamistas do barrio. A miúdo mentía e gustábame manipular a xente para que fixese o que ou quería. Era como unha droga para min.

Con 14 anos, xa era un estafador experto. Por exemplo, compraba grandes cantidades de reloxos, brazaletes e aneis chapados en ouro, gravábaos coa marca de 14 quilates e vendíaos na rúa e nos aparcadoiros dos centros comerciais. Fascinábame o diñeiro fácil. Unha vez gañei 10.000 dólares canadenses nun só día!

Cando tiña 15 anos botáronme do reformatorio onde estaba, así que non tiña onde vivir. Durmía nas rúas, nos parques ou na casa dalgún amigo.

A policía detívome varias veces para interrogarme polas miñas actividades fraudulentas. Pero, como o que vendía non era roubado, nunca fun ó cárcere. Aínda así, tiven que pagar grandes multas por fraude, engano e falsificación, e por vender sen licenza. Non lle tiña medo a nada nin a ninguén. Ata traballei de cobrador para prestamistas e, como iso era moi perigoso, ás veces ía armado. Incluso traballei para mafiosos.

O EFECTO DA BIBLIA NA MIÑA VIDA

A primeira vez que oín falar da Biblia tiña 17 anos. Naquela época vivía coa miña moza e ela empezou a estudar coas testemuñas de Xehová. Pero, como non me gustaron as normas morais da Biblia, deixeina e fun vivir con outra rapaza coa que xa estaba saíndo.

Pero todo cambiou cando esta rapaza tamén empezou a estudar a Biblia coas testemuñas de Xehová! Impresionoume ver os cambios que fixo na súa vida. Agora era máis amable e paciente. Entón, aceptei a invitación para ir a unha reunión no Salón do Reino. Alí encontreime con persoas moi riquiñas e amables que me deron unha cariñosa benvida. Que diferenza co mundo que eu coñecía! Nunca me sentira querido na miña familia. De neno non recibira moito cariño e a miña familia nunca se preocupara moito por min. Pero a amabilidade coa que me trataron as testemuñas de Xehová era xusto o que necesitaba. Así que, cando me ofreceron estudar a Biblia, aceptei encantado.

O que aprendín da Biblia probablemente me salvou a vida. Tiña un roubo planificado con outros dous compañeiros porque necesitaba 50.000 dólares para pagar as miñas débedas de xogo. Menos mal que me botei atrás! Os outros dous seguiron adiante co plan. A un deles metérono no cárcere e ó outro matárono.

Ó ir avanzando no meu estudo da Biblia, deime conta de que tiña que facer moitos cambios. Por exemplo, aprendín o que di 1 Corintios 6:10: “Nin os ladróns, nin os avaros, nin os borrachos, nin os faltóns, nin os caciques herdarán o Reino de Deus”. Cando lin este versículo, boteime a chorar pola gravidade da miña situación. Tiña que darlle un cambio radical á miña vida (Romanos 12:2). Era un home violento e agresivo e a miña vida estaba chea de mentiras.

Non obstante, tamén aprendín que Xehová é compasivo e está disposto a perdoar (Isaías 1:18). Así que lle orei intensamente, rogándolle que me axudase a deixar os meus vicios e cambiar a miña vida. Coa súa axuda, fun capaz de ir corrixindo a miña personalidade pouco a pouco. Un momento clave foi cando a miña moza e mais eu casamos.

Estou vivo porque apliquei os principios bíblicos na miña vida.

Nese momento tiña 24 anos e tres fillos. Agora necesitaba un traballo honrado para manter a miña familia, pero case non tiña estudos nin experiencia laboral. Así que, unha vez máis, rogueille a Xehová que me axudase. Despois, fun buscar traballo. Nas entrevistas explicaba que quería cambiar e gañarme a vida honradamente. Ás veces, mencionaba que estaba estudando a Biblia para ser un bo cidadán. Pero todos me rechazaban. Finalmente fun a outra entrevista e, despois de explicar unha vez máis o meu pasado problemático, o entrevistador díxome: “Non sei por que, pero algo me di que debería contratarte”. Estou seguro de que esta foi a resposta ás miñas oracións. Un tempo despois, miña muller mais eu bautizámonos como testemuñas de Xehová.

OS BENEFICIOS

Estou vivo porque apliquei os principios bíblicos na miña vida e tamén teño unha familia marabillosa. Ademais, estou seguro de que Xehová me perdoou e grazas a iso teño unha conciencia limpa.

Levo 14 anos realizando un servizo voluntario a tempo completo no que dedico unhas setenta horas tódolos meses a axudar a outros a entender a Biblia. Hai pouco, a miña muller tamén se uniu a min neste servizo. Ademais, durante os últimos 30 anos puiden axudar a 22 compañeiros de traballo a facerse testemuñas de Xehová. Aínda vou ós centros comerciais, pero non para estafar a xente, como facía antes. Agora aproveito a ocasión para compartir a miña fe con outros. Quero darlles un regalo: a esperanza de vivir nun mundo libre de estafadores (Salmo 37:10, 11).